SOS SANIDADE PÚBLICA, NA DEFENSA E MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA

 

A política sanitaria da actual Xunta de Galicia está a deteriorar e facer inviable economicamente o sistema sanitario público galego como paso previo a súa privatización. 

Co argumento de que a crise económica obriga a reducir gastos e a buscar apoio no sector privado, a Consellería de Sanidade tomou dúas importantes decisións que supoñen un punto de inflexión para o futuro da sanidade pública galega: 

  • Reducir o orzamento sanitario, especialmente os capítulos de investimento, que perdeu 26 millóns de euros (30% do mesmo), e do gasto corrente destinado a garantir o funcionamento, que perdeu 22 millóns.  

  • Dar entrada ao capital privado no financiamento e xestión das novas infraestruturas sanitarias recorrendo a Colaboración Público-Privada (PFI ou Concesión de Obra Pública) seguindo o exemplo das Comunidades Autónomas de Valencia e Madrid, onde tamén goberna e Partido Popular. 

As consecuencias destas decisións afectaron de xeito importante ao sistema: 

  • Retraso na apertura do hospital de Lugo (que leva anos terminado), facéndose a equipamento con capital privado e privatizando o servizo de lavandería.

  • Privatización e retrasos na construción do Novo Hospital de Vigo e da ampliación do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Estas dúas obras, que tiñan previsto un financiamento e construción a través da Sociedade Pública de Investimento, son agora entregadas ao sector privado que asumirá o seu financiamento, construción e xestión (parcial) a través da fórmula de colaboración Público-Privada (PFI), que encarecerá entre tres e cinco veces o que nos constarán estas novas infraestruturas sanitarias. O novo Hospital de Vigo será bastante menos ambicioso en tamaño e servizos que o que estaba inicialmente previsto e, en Pontevedra, a ampliación do Hospital de Montecelo é substituída polo proxecto privatizador de Monte Carrasco.

  • Anuncio da cesión ao sector privado dos novos recursos de alta tecnoloxía dos hospitais públicos, comezando pola radioloxía e os laboratorios.

  • Abandono do Plan de Mellora de Atención Primaria que tiña previsto investir 62 millóns de euros en catro anos para resolver a masificación das consultas e súa baixa capacidade resolutiva. Construción dos novos centros de saúde con financiamento privado.

  • Abandono do Plan de Saúde Mental, do Plan de Drogodependencias e da atención sociosanitaria.

  • Eliminación da actividade dos hospitais públicos pola tarde, desviando aos pacientes a centros privados concertados o que ocasionou o incremento das listas de espera.

  • Anuncio do peche dos servizos de radioloxía de urxencia nos hospitais comarcais para concentralos nun só centro, afastando aos pacientes dos especialistas, limitando a realización de ecografías e substituíndoas por TACs, mais caros e que someten a radiación innecesaria ao paciente. Os informes radiolóxicos pretenden que os fagan os radiólogos nos seus domicilios ou nas empresas privadas.

  • Asignación da Nova Central de Chamadas (112) a unha empresa privada coa sede en León e cos seus traballadores en Sudamérica.

  • Inicio do proceso de desmantelamento das áreas sanitarias, necesarias para a planificación e a asignación equitativa dos recursos sanitarios.

  • Anulación de todos os acordos alcanzados cos sindicatos nas Mesas Sectoriais que contemplaban melloras salariais e das condicións de traballo, volvendo aos contratos lixo. 

Todo isto ten como resultado unha importante perda de calidade da atención que se presta dende o sistema sanitario, e a cidadanía xa está comezando a padecelo. 

Núñez Feijoo e o seu goberno saben que esta política é incompatible co mantemento da Sanidade Pública, xa que os enormes custos e o endebedamento asociados ao financiamento privado non poden ser asumidos, e menos aínda no contexto dunha crise que reduce os ingresos da facenda pública. A Xunta coñece perfectamente os sucesivos informes dos Tribunais de Contas de Valencia e Madrid que denuncian o enorme endebedamento sanitario que leva a bancarrota á estas comunidades autónomas por recorrer ao financiamento privado para os novos centros sanitarios. 

A pesares desta evidencia, recorrer a colaboración público-privada (PFI) constitúe un dos alicerces craves da estratexia política de Núñez Feijoo xa que:

  • Permitiralle ocultar o endebedamento da CCAA que por ser contraído pola fórmula PFI non se contabiliza como tal nin aparece reflectido no orzamento autonómico.

  • Proporcionaralle unha importante baza electoral de cara ás próximas eleccións como é construír novos hospitais e centros de Saude cuxos sobre custes pagaran as futuras xeracións.

  • Proporcionaralle a xustificación para introducir o copago, acabar coa universalidade da oferta sanitaria pública e privatizar boa parte do sistema, dada a imposibilidade de facer fronte ao pago do enorme endebedamento contraído co sector privado.

  • Permitiralle, tamén, aparecer como líder neoliberal comprometido coa privatización sanitaria e facilitaralle o apoio político e económico dos bancos, grandes construtoras e multinacionais da sanidade, beneficiarios directos do modelo sanitario que quere implantar.

Por todo isto non é previsible que o actual presidente da Xunta de Galicia cambie de estratexia, salvo que a maioría da cidadanía, das veciñas e veciños, das traballadoras e traballadores sanitarios (e ata unha grande parte do sector empresarial galego) sexan conscientes de que esta política terá serias consecuencias para os seus intereses e necesidades sanitarias.

Para defender á Sanidade Pública deste ataque é necesario conseguir unha enorme mobilización social, que inclúa a toda a cidadanía xa que todas e todos pagaremos as consecuencias de perdela.

 

logo sos sanidadepublica