CONCENTRACIÓN:
SOS Sanidade Pública COMPOSTELA
XOVES, 14 DE ABRIL, ás 20h na PRAZA DO TOURAL
POR UNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE,
POR UNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE, QUE NOS PROTEXA FRONTE A ENFERMIDADE, SEN DISCRIMINACIÓN, SEN PENALIZACIÓNS POR FALTA DE RECURSOS ECONÓMICOS Desde a constitución de SOS-Sanidade Pública Compostela vimos analizando a situación da prestación sanitaria nesta área sanitaria. Fixémolo dun xeito integral, recollendo as demandas de todas as asociacións que forman parte da Plataforma, cunha especial atención ás asociacións de doentes, por ser elas/es quen están a sufrir, dun xeito máis agresivo, os recortes e as privatizacións na Sanidade Pública. Intentamos establecer canles de comunicación coa Administración Sanitaria: Xerencia, Consellaría de Sanidade... sen ter éxito. As inquedanzas das/os doentes transmitidas por SOS non están nas prioridades deste goberno. Durante esta etapa fixemos diversas accións das que enumeramos as seguintes:  Denunciamos ante a Valedora do Pobo a non posta en marcha do Consello de Saúde de Área (CSA) de Santiago de Compostela, a mala calidade dos produtos para inxección de insulina por parte de pacientes diabéticas/os, a suba excesiva de cota de residentes das Residencias do SERGAS, e a discriminación na concesión de tratamentos oncolóxicos para pacientes cun mesmo diagnóstico.  SOS-Sanidade Pública Compostela forma parte da Rede Galega de Defensa do Dereito á Saúde, e presentamos ante a Valedora do Pobo, o 9 de novembro do 2015, o documento de “exclusión sanitaria”, referido ás exclusións da asistencia sanitaria das persoas inmigrantes.  Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela achegamos o debate do que acontece na sanidade á poboación, mediante múltiples Charlas-Coloquio, sobre os temas que preocupan á xente que fai uso do Sistema Sanitario Público: temas como as vacinas, a diabetes, a Sanidade Pública en perigo, privatizacións, listas de espera, hepatite C, copagos e repagos de medicamentos, peches de camas que dificultan os ingresos hospitalarios, recortes na Atención Primaria... Todos estes temas seguen, a día de hoxe, sen resolverse. A Consellaría de Sanidade e o Partido Popular seguen a incrementar o sufrimento da poboación enferma. Privatizando e facendo negocio coa nosa saúde. Este ano non podemos consentir que o SERGAS faga un peche masivo de camas no verán. A SANIDADE PÚBLICA É UN DEREITO UNIVERSAL QUE NOS FAI A TODAS E TODOS IGUAIS FRONTE A ENFERMIDADE MOBILÍZATE. Non podemos calar fronte a estas agresións! CONCENTRACIÓN SOS Sanidade Pública COMPOSTELA XOVES, 14 DE ABRIL, ás 20h na PRAZA DO TOURAL