Saúde Mental

Movemento Galego da Saúde Mental

Apoios

SOS-sanidadepublica-Cultura

Con humor

2012-05-21_VIN_2012-05-14_00_32_43_davila

Plataformas Sanidade

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte de Lemos


* Plataforma contra a privatización de Pontevedra


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Salnés


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Lugo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Ourense


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Verín

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Cangas


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Moaña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Santiago


* Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública da Coruña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública na Mariña

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza

* Asociación Galega para a defensa da Sanidade Pública (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública)


Procurar



Presentación do informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

As organizacións integrantes da Rede Galega en Defensa da Saúde: Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina Familiar, Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública, presentaremos hoxe xoves, 17 de setembro o informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia elaborado coa análise dos casos de vulneración de acceso ao sistema sanitario de persoas inmigrantes recibidos por Médicos do Mundo durante a ano 2014.

 

Trala presentación dos resultados do informe e a proxección do vídeo con testemuñas de casos de persoas desatendidas de Galicia se levará a cabo unha rolda de prensa.

 

Día: xoves, 17 de setembro de 2015 Hora: 17h Lugar: Galería Sargadelos de Santiago de Compostela 


------------------------------------------------------------------------------------------------------

PRESENTACIÓN DO INFORME TRES ANOS DE REFORMA SANITARIA EN GALICIA

Avaliación do acceso das persoas inmigrantes aos servizos de saúde en Galicia durante o 2014

 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015.-

 

As organizacións integrantes da Rede Galega en Defensa da Saúde: Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina Familiar, Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública, presentan o informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia elaborado coa análise dos casos de vulneración de acceso ao sistema sanitario de persoas inmigrantes recibidos por Médicos do Mundo durante a ano 2014. A presentación do informe acompáñase da proxección de vídeos con casos de vulneracións do dereito á saúde de persoas inmigrantes atendidas por Médicos do Mundo.

Hoxe en día existe un consenso xeral entre gobernos, organismos internacionais e sociedade civil que recoñece a saúde como un dereito en si mesmo e como unha condición esencial para a equidade e o desenvolvemento sostible. Por outra banda, non se pode falar de saúde sen facelo do funcionamento do seu sistema sanitario, dos determinantes sociais da saúde como a pobreza, un ámbito salubre, o desigual reparto da riqueza, o poder e os recursos - incluíndo as desigualdades de xénero-, educación, emprego digno ou a protección social.
A Rede Galega en Defensa do Dereito á Saúde reivindica a saúde dende un enfoque de dereitos humanos, de xénero, de interculturalidade, de integración social solidaria e de empoderamento das comunidades.
Con este enfoque, defendemos:
 A saúde como un dereito humano fundamental.
 A responsabilidade dos gobernos de garantir o acceso á atención sanitaria de calidade, á educación e a outros servizos sociais de acordo coas necesidades da poboación, independentemente da súa situación de regularidade ou irregularidade administrativa e do seu nivel socioeconómico.
 A participación da poboación e as organizacións nas que se articula, na formulación, implementación e avaliación de todas as políticas e programas sociais e de saúde.

 A saúde como resultado final dunha serie de determinantes, entre eles o ámbito político, económico, social e físico.

Consideramos que a atención sanitaria de carácter primario debe orientar a organización dos sistemas de saúde para que os pobos alcancen o mellor nivel de saúde posible. Ademais, debe incluír a saúde sexual e reprodutiva dende o enfoque dos dereitos sexuais e reprodutivos, incluíndo tanto actividades asistenciais como educativas dirixidas á mocidade, mulleres e homes.
Así mesmo, entendemos que só os sistemas sanitarios públicos poden garantir os obxectivos compartidos de universalidade, equidade e calidade dos servizos de saúde. Reivindicamos a cobertura universal, entendida como sistemas públicos de financiamento e acceso aos servizos de calidade para todas as persoas, sen que iso supoña perigo de caer na pobreza.
Tendo todo isto en conta, queremos facer públicos algúns dos casos máis alarmantes cos que nos atopamos no territorio galego durante o ano 2014, casos que incumpren a propia reforma sanitaria.
Como organización queremos chamar a atención ante este tipo de lexislacións que facilitan condutas racistas e que provocan un gran dano social.

 

O REAL DECRETO LEI 16/2012 E A EXCLUSIÓN SANITARIA

 

O Real Decreto-lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir que o Sistema Nacional de Saúde sexa sostible e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, supuxo un cambio do modelo do Sistema de Saúde que, amparado pola crise económica, deixa a centos de miles de persoas sen asistencia sanitaria e retrotráenos a un desfasado sistema de aseguramento e copagamento pola prestación de determinados servizos.
Esta medida lexislativa, non consensuada no parlamento nin na sociedade, vulnera o dereito á saúde das persoas que quedaron excluídas do sistema.
Dado que son as Comunidades Autónomas as que teñen as competencias en materia de asistencia sanitaria, a aplicación a nivel autonómico deste Real Decreto-lei obrigou á posta en marcha de diversas medidas que intentaron paliar os problemas ocasionados pola dita norma estatal. No caso de Galicia, desde o ano 2012, púxose en marcha o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública (PGPSSP).
Este informe pretende sintetizar e ordenar as principais dificultades que detectamos á hora de analizar o dereito á saúde cos titulares de obrigas e as dificultades detectadas na atención e acompañamento dos titulares de dereitos á hora de facer efectivos estes dereitos.
Por iso, no informe descríbense:
 Vías de acceso, revisión da normativa e dificultades encontradas no seu desenvolvemento dentro do sistema sanitario.
 Principais vulneracións de persoas que sufriron algún tipo de incidencia relacionadas coa atención en urxencias, menores ou mulleres embarazadas, tanto hospitalarias como en centros de saúde e que teñen que ver coa entrada en vigor do mencionado Real Decreto-lei.
 Principais vulneracións de persoas que sufriron algún tipo de incidencia relacionada coa atención ou entrada no PGPSSP.

Así mesmo, somos conscientes que os casos dos que Médicos do Mundo ten coñecemento non son máis que unha pequena mostra de todos os que están ocorrendo cada día nas diferentes cidades e municipios de todas as Comunidades Autónomas.

 

VÍAS DE ACESO AO SISTEMA DE SAÚDE PÚBLICA EN GALICIA

 

A partir do 1 de setembro do ano 2012 a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Sanidade, recoñece 7 modalidades de acceso á asistencia sanitaria en Galicia:
1. Como persoa ASEGURADA ou BENEFICIARIA: a lexislación consultada para a elaboración deste informe recoñece que son o Instituto Nacional da Seguridade Social ou o Instituto Social da Mariña os organismos competentes para recoñecer o dereito á asistencia sanitaria, sendo os servizos de saúde os que acreditarán ese dereito emitindo a correspondente tarxeta sanitaria. Esta vía dá dereito á tarxeta sanitaria, á asistencia en toda Europa e á tarxeta sanitaria europea ou ao certificado provisional substitutorio.
2. Como persoa incluída nun CONVENIO ESPECIAL de prestación de asistencia sanitaria, subscrito co servizo de saúde da comunidade habitual de residencia.
3. Como persoa acollida no PROGRAMA GALEGO DE PROTECCIÓN SOCIAL DA SAUDE PÚBLICA: as persoas con documentación identificativa válida e en vigor que, a partir do 1 de setembro de 2012, non teñan ou non poidan ter dereito á asistencia sanitaria pola modalidade de asegurado ou beneficiario e non poidan exportar a asistencia sanitaria desde o seu país de orixe, poderán solicitar ser acollidas neste programa para recibir asistencia sanitaria. Esta vía outorga dereito a ser atendidos só en Galicia pero non terán recoñecido o dereito no resto do Estado.
4. Como persoas ESTRANXEIRAS NON REXISTRADAS NIN AUTORIZADAS COMO RESIDENTES EN ESPAÑA, nas situacións especiais existentes:
De URXENCIAS POR ENFERMIDADE GRAVE OU ACCIDENTE, calquera que sexa a súa causa, ata a situación de alta médica.
De ASISTENCIA A EMBARAZO, PARTO E POSPARTO.
En todo caso, as persoas ESTRANXEIRAS MENORES DE DEZAOITO ANOS recibirán asistencia sanitaria nas mesmas condicións que as persoas españolas (especificación corrixida por Médicos do Mundo, xa que, no documento consultado, urxencias, muller embarazada e menor están en igualdade mentres que, no RD 16/2012, menores aparece claramente diferenciado).
5. Como persoa autorizada para estar en España como SOLICITANTE DE PROTECCIÓN INTERNACIONAL (asilo ou refuxio) OU COMO VÍTIMA DE TRATA de seres humanos en período de restablecemento e reflexión.
6. Como persoa con sospeita de padecer unha enfermidade que leve consigo risco para a comunidade e que non teña ningunha outra vía de acceso: PROGRAMA DE VIXIANCIA EPIDEMIOLÓXICA.
7. Como PAGO DE SEGURO PRIVADO para acceso á sanidade pública

 

VULNERACIÓNS DO DEREITO Á SAÚDE EN GALICIA NO 2014

 

Durante o ano 2014, Médicos do Mundo detectou, a través da intervención con colectivos de persoas inmigrantes e como derivación doutras organizacións coas que traballamos en rede, casos de persoas desatendidas que non puderon acceder ao sistema sanitario a pesar de ter recoñecido o dereito por algunha das vías mecionadas no punto anterior. Os casos de vulneración do dereito á saúde recopilados refírense a calquera das sete modalidades de acceso á asistencia sanitaria en Galicia recoñecidas.
No informe reflectimos unicamente os de desatención de menores, muller embarazada e urxencias por supoñer estes casos a violación de todos os acordos internacionais e recomendacións da Organización Mundial da Saúde. A atención a menores, muller embarazada e de urxencia é de obrigado cumprimento para os estados que ratificaron o Pacto Internacional de Dereito Humanos. Tamén recollemos os casos de desatención das persoas que teñen o dereito á atención sanitaria
recoñecido a través do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública pola particularidade que supón en Galicia e dado que ven de presentarse como a alternativa de cobertura para as persoas que quedaron excluídas a raíz da entrada en vigor do RD Lei 16/2012. Non resultando o programa a solución á exclusión sanitaria.

 

A REDE GALEGA EN DEFENSA DO DEREITO Á SAÚDE RECLAMA A RESTITUCIÓN DO ACCESO UNIVERSAL Á SAÚDE

 

As organizacións que integramos a Rede Galega en Defensa do Dereito á Saúde, reclamamos a derogación do Real decreto Lei 16/2012 e o subseguinte Real Decreto 1192/2013 polos que se establecen as figuras de persoa asegurada e beneficiaria do Sistema Nacional de Saúde e se exclúe ás persoas inmigrantes en situación irregular.