Saúde Mental

Movemento Galego da Saúde Mental

Con humor

2012-05-21_VIN_2012-05-14_00_32_43_davila

Plataformas Sanidade

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte de Lemos


* Plataforma contra a privatización de Pontevedra


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Salnés


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Lugo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Ourense


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Verín

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Cangas


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Moaña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Santiago


* Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública da Coruña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública na Mariña

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza

* Asociación Galega para a defensa da Sanidade Pública (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública)


Procurar

Proposta estratéxica de Servizos Sanitarios para Vigo

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 

PROPOSTA ESTRATEXICA DE SERVIZOS SANITARIOS PARA VIGO


Os recortes no proxecto inicial do Novo Hospital acentuaron os déficit sanitarios de Vigo que se poderían resumir en:


- A renuncia a un Complexo Hospitalario de referencia estratéxica para o Sur de Galicia, que equilibrase a oferta sanitaria na Comunidade Autónoma. Suprimíronse do proxecto os edificios de Docencia e Investigación (imprescindibles nun Hospital con docencia universitaria); o Servizo de Rehabilitación; as camas de Coidados Mínimos e Intermedios para enfermos con patoloxías crónicas que non precisan de recursos avanzados; e o chamado Hotel de Pacientes para enfermos que viven lonxe, illados ou que teñen problemática social.

 

- A redución de camas agravará aínda máis a situación asistencial e unhas listas de espera inaceptables: As camas de hospitalización pasaron de 1.450 (1.239 de hospitalización convencional) a 845, ás que habería que engadir 71 camas no Hospital do Meixoeiro (pasaron de 418 a 347) e 52 no Nicolás Pena (baixaron de 120 a 68), co que o recorte final foi de 517 camas, (sen contar outras camas como espertar, hospital de día, Reanimación, camas de observación, etc., que sumarían outras 211). Esta redución de recursos é incomprensible que se aplique nun área cun índice de camas por habitante das máis baixas e unha lista de espera cirúrxica das máis alta de Galicia (99,2 fronte a unha media de 79,8 en decembro do 2015) só superada polos 139,2 do hospital privado POVISA tamén en Vigo.

 

- Os recortes converteron este centro nunha gran superficie comercial incapaz de satisfacer as necesidades de atención especializada da cidadanía: A redución das dimensións do edificio e a dispersión de servizos asistenciais (Medicina Interna, Endocrinoloxía, Reumatoloxía, Alergoloxía, Xeriatría, Dermatoloxía ou Oftalmoloxía, Laboratorio e Central de Esterilización); os problemas de xestión pola existencia dunha dobre xerencia público e privada; as deficiencias funcionais asociadas á falta de laboratorio, esterilización e demais servizos no centro; os recortes de recursos diagnóstico, servizo de urxencias, camas, equipamento de quirófanos; etc.,

 

- Creáronse barreiras de acceso para os colectivos sociais máis afastados e con menor poder económico (cada vez máis numerosos): O afastamento do hospital da cidade de Vigo e da súa área metropolitana sen unha alternativa integral para o transporte colectivo, a privatización do parking privado (de elevado custo para os usuarios), unidas ás disfuncionalidades estruturais e organizativas do novo centro afectaron á calidade da atención, xerando colapsos nas urxencias, obrigando a suspender numerosas intervencións cirúrxicas, atrasando as citacións de pacientes, etc., etc..

 

A estes problemas relacionados coa Atención Hospitalaria habería que engadir outras deficiencias de recursos asistenciais na área:


- Deterioro da Atención Primaria pola mala planificación na asignación territorial dos Centros de Saúde situados nalgúns casos en locais inadecuados como edificios de vivendas e pola paralización o Plan de Mellora de Atención Primaria que contemplaba construír catro novos centros de saúde (O Calvario, Seara, Balaídos e Bouzas) os tres primeiros unicamente pendentes da cesión de terreo municipal para poder comezar a súa construción e o de Bouzas so pendente da súa licitación. Esta situación xera unha importante saturación asistencial dado que máis do 50% dos centros de saúde teñen máis de 35.000 tarxetas sanitarias individuais, mentres que a escaseza no equipamento de recursos diagnósticos e terapéuticos reduce a súa capacidade resolutiva.

 

- Limitada capacidade resolutiva dos Servizos de Urxencias Extrahospitalarios (PAC) mal equipados. Os PACs de Coia e a Rúa Bolivia carecían de recursos suficientes, o que facía que moitos pacientes acudiran directamente ás urxencias do Novo Hospital.

 

- Non se garante o dereito á saúde sexual e reprodutiva das mulleres da área: O Centro de Orientación Familiar de Vigo oferta unha atención insuficiente e de baixa calidade como consecuencia dos recortes de persoal e equipamento.

 

- Colapso do servizo de Rehabilitación que está fraccionado diversos centros. É necesario de ampliar e mellorar a dotación de recursos humanos e materiais deste servizo (entre 15 e 20 novas prazas) incapaz de afrontar a gran demanda de atención (máis de 35.000 pacientes ao ano) o que xera unha lista de espera un 20 % superior á media, sendo a segunda máis elevada da Comunidade.

 

- A área de Vigo soporta as maiores listas de espera de Galicia pese ao cal a Xunta abandonou o proxecto de construír un Centro de Alta Resolución. Núñez Feijoo paralizou a construción dos dous Centros previstos para a área (un en Cangas-Moaña e outro en Vigo no edificio do Hospital Xeral). Estes centros permitirían reducir os tempos de resposta asistencial ao integrar a consultas, probas diagnósticas e cirurxía en base a consultas de acto único que pechan o proceso diagnóstico e o tratamento grazas á coordinación de consultas con especialista, realización de probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas.

 

A reordenación da área sanitaria debería basearse na integración de todos os recursos asistenciais para evitar a fragmentación e descoordinación entre centros, servizos e niveis asistenciais e na creación de novos recursos para completar unha oferta asistencial racional e axustada ás necesidades e ao volume de poboación.


O peche de centros, as limitacións do novo Hospital e a necesidade de completar a oferta asistencial precisan de novos espazos sanitarios na área. As políticas de axuste orzamentario impostas pola Unión Europea e o Goberno do PP son un obstáculo para realizar novos investimentos en recursos sanitarios.

Para superar este obstáculo financeiro a curto prazo deberíanse utilizar os espazos que quedaron baleiros no antigo Hospital Xeral tralo traslado de recursos ao Novo Hospital Álvaro Cunqueiro. Os denominados Anexos I e II están en bo estado de conservación e foron obxecto de reforma e ampliación hai pouco tempo, polo que non se precisaría un gran investimento para a súa posta en marcha.

 

Propostas:


1.- Hospital Álvaro Cunqueiro:

·       Reintegrar o Hospital ao Sistema Sanitario Público en base ás irregularidades da Lei de Contratos do Estado e da lexislación europea cobre Colaboración Público Privada

·       Recuperar o proxecto de Hospital de Estratéxico para a área Sur de Galicia, que devolva ao CHUVI os Servizos de Referencia trasladadas ao Complexo Hospitalario de Santiago das seguintes especialidades: Oncoloxía radioterapia, cirurxía torácica, neurocirurxía, cirurxía plástica, cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista (unidades de hemodinámica) e cirurxía cardíaca e as que se manteñen no hospital privado POVISA como son cirurxía maxilofacial, neurocirurxía, cirurxía da man e unidade de queimados.

·      Creación dunha Comisión integrada por todos os sectores implicados (Xunta de Persoal, responsables dos servizos asistenciais, persoal sanitario, técnicos da Consellería de Sanidade, Comisión de Participación da Área e Concello de Vigo) para avaliar os problemas e deficiencias do edificio, accesos e servizos asistenciais e de apoio e elaborar un Plan de Recuperación do Centro a curto e medio prazo (laboratorio, camas, quirófanos, equipamento tecnolóxico, edificios e servizos) segundo os previsto no Plan Funcional.

 

2.- Hospital do Meixoeiro

·         Manter o seu funcionamento como hospital xeral programado aínda que sen porta de urxencias, recuperando as camas e recursos recortados.

·         Concentrar a actividade oncolóxica neste hospital aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñible neste centro para atender estas patoloxías, convertendo ao CHUVI en referencia Oncolóxica para o sur de Galicia.

·         Situar neste centro todos os recursos de Cirurxía Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso) da área, aproveitado os seus quirófanos e as camas cirúrxicas (axustándoas segundo necesidades) e mantendo a UCI polivalente.

·         Consolidar a Unidade de Coidados Paliativos (co 100% das camas situadas en habitacións individuais).

·         Esta especialización determina a necesidade de manter unidades de diagnóstico por imaxe e laboratorio.

 

3.- Destinar a uso sanitario os Anexos I e II do edificio do antigo Hospital Xeral para situar nos mesmos os seguintes servizos asistenciais:

·         Centro de Alta Resolución de Vigo, coas 10-12 especialidades de máis frecuentación da zona e en procesos de acto único. Este recurso é esencial para unha área como Vigo que ten unha das maiores listas de espera cirúrxica, de primeiras consultas con especialistas e procedementos diagnósticos da Comunidade Autónoma. Coa chegada do Núñez Feijoo paralizouse a construción dos dous Centros previstos para a área (un en Cangas-Moaña e outro no edificio do Hospital Xeral). Este centro permitiría reducir os tempos de resposta asistencial ao integrar a consultas, probas diagnósticas e cirurxía. A Alta Resolución baséase en consultas de acto único que pechan o proceso diagnóstico e o tratamento grazas á coordinación de consultas con especialista, realización de probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, si son precisas. Estes centros necesitan espazos para consultas, laboratorio e recursos de diagnóstico por imaxe (Radioloxía, Ecografía, TAC,..), e quirófanos para cirurxía ambulatoria. Os recursos de diagnóstico por imaxe contarían ademais cunha axenda propia para atención ordinaria ambulatoria.

·         Servizo de Urxencias Extrahospitalario que fusione os PAC de Coia e Bolivia, con horario de 24 horas no que se atenderían a maioría de urxencias de Vigo e con acceso aos recursos de diagnóstico por imaxe (Radioloxía, Ecografía, TAC,..) e laboratorio do Centro de Alta resolución e con camas de observación. A actual xerencia deseñou un plan funcional que non é máis que un mero traslado dos PAC de Bolivia e Coia e que non contempla máis dotación que a de radioloxía.

·         Utilización do Bloque Cirúrxico xa existente no Anexo II para a realizar intervencións de Cirurxía Menor e Cirurxía Minimamente Invasiva de baixa complexidade. A Lista de Espera destes procesos, que non computa nas estatísticas oficiais, está próxima aos dous mil pacientes en Vigo.

·         Aproveitar o Bloque de Consultas Externas e os Gabinetes de Exploracións e Probas Funcionais dos anexos do Hospital Xeral para mellorar a accesibilidade da poboación de Vigo a estes servizos e reducir a lista de espera de consultas e probas diagnósticas.

·         Crear un Centro de Atención Primaria nos anexos do H. Xeral que permita trasladar o da rúa Bolivia, redistribuír tarxetas sanitarias dos Servizos de Atención Primaria da Dobrada e rúa Cuba e adscribir as do barrio de San Roque na contorna do Hospital Xeral.

·         Manter o Servizo de Rehabilitación xa existente

·         Trasladar o Centro de Orientación Familiar aos anexos

·         Crear unha Unidade de Saúde Mental que substitúa  ás pechadas na Dobrada e Coia.

 

3.- No Policlínico Cíes situar unha residencia asistida.

 

4.- Adicar a Atención Primaria os Centros de Especialidades de Dobrada e Coia, tralo seu peche para mellorar o espazo dispoñible no primeiro caso e para desconxestionar López Mora (que está en malas condicións) e Coia no segundo

 

5.- Crear o Centro de Alta Resolución do Morrazo nos terreos cedidos polo Concello de Cangas.

 

6.- Denunciar o Concerto Singular de POVISA en base ás irregularidades no contrato, denunciadas xa no seu momento polo Consello de Contas de Galicia e o Valedor do Pobo.