Saúde Mental

Movemento Galego da Saúde Mental

Con humor

2012-05-21_VIN_2012-05-14_00_32_43_davila

Plataformas Sanidade

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte de Lemos


* Plataforma contra a privatización de Pontevedra


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Salnés


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Lugo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Ourense


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Verín

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Cangas


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Moaña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Santiago


* Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública da Coruña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública na Mariña

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza

* Asociación Galega para a defensa da Sanidade Pública (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública)


Procurar

S.O.S. Sanidade Pública

Autobuses desde Monforte

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Mércores, 17 Novembro 2010 10:15

cabeceira_bussos
 

Acto de apoio á ILP en Vigo

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Venres, 13 Abril 2012 09:59

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública da área de Vigo integrada en SOS Sanidade Pública, participa activamente na difusión e recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada no Parlamento de Galicia coa finalidade de manter o carácter público do sistema sanitario en Galicia, ameazado pola política de privatización do financiamento e xestión dos centros sanitarios e o recorte de servizos.

A Iniciativa subscrita por representantes de todas as organizacións que integran SOS Sanidade Pública propón catro puntos:

1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á saúde de todos os galegos.

2.- A xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada introducidas pola Xunta de Galicia.

3.- A necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesible, equitativo e eficiente.

4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa.

SOS Sanidade Pública pretende recoller sinaturas para que o Parlamento de Galicia debata esta proposición de lei, e ao mesmo tempo promover un gran debate e mobilización social en defensa do sistema sanitario público.

Con esta finalidade pretendemos realizar un acto público de apoio á ILP hoxe venres día 13 de abril ás 20 horas na Casa Galega da Cultura Vigo, no que diferentes personalidades do ámbito cultural, social, profesional, sindical,  político  e cidadán exporán, a situación de risco en que se atopa a sanidade pública e a xustificación e contidos da Iniciativa.

 

O PP vota en contra da ILP de promoción da sanidade pública, deixando clara a súa posición privatizadora

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Mércores, 19 Decembro 2012 10:14

 

20121218_114633

 

 

A Plataforma SOS Sanidade Pública que integra ás 17 Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública de toda Galicia e a decenas de organizacións, veciñais, de enfermos e consumidores; ONGs; sindicatos; asociacións profesionais; partidos políticos; Concellos; etc, , presentou onte día 18 de decembro unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en Defensa da Sanidade Pública, co respaldo de máis de 45.000 firmas.

 

20121218_101510


Os contidos do Proxecto de Lei da ILP foron


1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á saúde


2.- Garantir a xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada


3.- Incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas..

.

4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa

A Iniciativa Lexislativa foi apoiada por PSDEG-PSOE, Alianza Galega de Esquerdas e BNG, mentres que o Partido Popular votou na súa contra, polo que foi rexeitada dada a maioría absoluta que ten no Parlamento Galego. Hai que recordar que o PP apoia o financiamento e xestión privada dos novos hospitais e centros de saúde, paralizou o Plan de Mellora da Atención Primaria acordado polo anterior goberno de Galicia con todas as organizacións da AP, e está desmantelando as áreas sanitarias, seguindo o exemplo da CCAA de Madrid de crear espazos amplos para o mercado e a competencia dentro da sanidade.

.

A presentación da ILP no Parlamento foi apoiada cunha concentración das Plataformas fronte ao Parlamento, ante as que o portavoz de SOS reiterou o compromiso de todos de seguir mobilizando a toda a sociedade galega en contra dos recortes e desmantelamento da sanidade pública.
   

Presentación do informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Xoves, 17 Setembro 2015 09:05

As organizacións integrantes da Rede Galega en Defensa da Saúde: Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina Familiar, Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública, presentaremos hoxe xoves, 17 de setembro o informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia elaborado coa análise dos casos de vulneración de acceso ao sistema sanitario de persoas inmigrantes recibidos por Médicos do Mundo durante a ano 2014.

 

Trala presentación dos resultados do informe e a proxección do vídeo con testemuñas de casos de persoas desatendidas de Galicia se levará a cabo unha rolda de prensa.

 

Día: xoves, 17 de setembro de 2015 Hora: 17h Lugar: Galería Sargadelos de Santiago de Compostela 


------------------------------------------------------------------------------------------------------

PRESENTACIÓN DO INFORME TRES ANOS DE REFORMA SANITARIA EN GALICIA

Avaliación do acceso das persoas inmigrantes aos servizos de saúde en Galicia durante o 2014

 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015.-

 

As organizacións integrantes da Rede Galega en Defensa da Saúde: Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina Familiar, Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública, presentan o informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia elaborado coa análise dos casos de vulneración de acceso ao sistema sanitario de persoas inmigrantes recibidos por Médicos do Mundo durante a ano 2014. A presentación do informe acompáñase da proxección de vídeos con casos de vulneracións do dereito á saúde de persoas inmigrantes atendidas por Médicos do Mundo.

Hoxe en día existe un consenso xeral entre gobernos, organismos internacionais e sociedade civil que recoñece a saúde como un dereito en si mesmo e como unha condición esencial para a equidade e o desenvolvemento sostible. Por outra banda, non se pode falar de saúde sen facelo do funcionamento do seu sistema sanitario, dos determinantes sociais da saúde como a pobreza, un ámbito salubre, o desigual reparto da riqueza, o poder e os recursos - incluíndo as desigualdades de xénero-, educación, emprego digno ou a protección social.
A Rede Galega en Defensa do Dereito á Saúde reivindica a saúde dende un enfoque de dereitos humanos, de xénero, de interculturalidade, de integración social solidaria e de empoderamento das comunidades.
Con este enfoque, defendemos:
 A saúde como un dereito humano fundamental.
 A responsabilidade dos gobernos de garantir o acceso á atención sanitaria de calidade, á educación e a outros servizos sociais de acordo coas necesidades da poboación, independentemente da súa situación de regularidade ou irregularidade administrativa e do seu nivel socioeconómico.
 A participación da poboación e as organizacións nas que se articula, na formulación, implementación e avaliación de todas as políticas e programas sociais e de saúde.

 A saúde como resultado final dunha serie de determinantes, entre eles o ámbito político, económico, social e físico.

Consideramos que a atención sanitaria de carácter primario debe orientar a organización dos sistemas de saúde para que os pobos alcancen o mellor nivel de saúde posible. Ademais, debe incluír a saúde sexual e reprodutiva dende o enfoque dos dereitos sexuais e reprodutivos, incluíndo tanto actividades asistenciais como educativas dirixidas á mocidade, mulleres e homes.
Así mesmo, entendemos que só os sistemas sanitarios públicos poden garantir os obxectivos compartidos de universalidade, equidade e calidade dos servizos de saúde. Reivindicamos a cobertura universal, entendida como sistemas públicos de financiamento e acceso aos servizos de calidade para todas as persoas, sen que iso supoña perigo de caer na pobreza.
Tendo todo isto en conta, queremos facer públicos algúns dos casos máis alarmantes cos que nos atopamos no territorio galego durante o ano 2014, casos que incumpren a propia reforma sanitaria.
Como organización queremos chamar a atención ante este tipo de lexislacións que facilitan condutas racistas e que provocan un gran dano social.

 

O REAL DECRETO LEI 16/2012 E A EXCLUSIÓN SANITARIA

 

O Real Decreto-lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir que o Sistema Nacional de Saúde sexa sostible e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, supuxo un cambio do modelo do Sistema de Saúde que, amparado pola crise económica, deixa a centos de miles de persoas sen asistencia sanitaria e retrotráenos a un desfasado sistema de aseguramento e copagamento pola prestación de determinados servizos.
Esta medida lexislativa, non consensuada no parlamento nin na sociedade, vulnera o dereito á saúde das persoas que quedaron excluídas do sistema.
Dado que son as Comunidades Autónomas as que teñen as competencias en materia de asistencia sanitaria, a aplicación a nivel autonómico deste Real Decreto-lei obrigou á posta en marcha de diversas medidas que intentaron paliar os problemas ocasionados pola dita norma estatal. No caso de Galicia, desde o ano 2012, púxose en marcha o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública (PGPSSP).
Este informe pretende sintetizar e ordenar as principais dificultades que detectamos á hora de analizar o dereito á saúde cos titulares de obrigas e as dificultades detectadas na atención e acompañamento dos titulares de dereitos á hora de facer efectivos estes dereitos.
Por iso, no informe descríbense:
 Vías de acceso, revisión da normativa e dificultades encontradas no seu desenvolvemento dentro do sistema sanitario.
 Principais vulneracións de persoas que sufriron algún tipo de incidencia relacionadas coa atención en urxencias, menores ou mulleres embarazadas, tanto hospitalarias como en centros de saúde e que teñen que ver coa entrada en vigor do mencionado Real Decreto-lei.
 Principais vulneracións de persoas que sufriron algún tipo de incidencia relacionada coa atención ou entrada no PGPSSP.

Así mesmo, somos conscientes que os casos dos que Médicos do Mundo ten coñecemento non son máis que unha pequena mostra de todos os que están ocorrendo cada día nas diferentes cidades e municipios de todas as Comunidades Autónomas.

 

VÍAS DE ACESO AO SISTEMA DE SAÚDE PÚBLICA EN GALICIA

 

A partir do 1 de setembro do ano 2012 a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Sanidade, recoñece 7 modalidades de acceso á asistencia sanitaria en Galicia:
1. Como persoa ASEGURADA ou BENEFICIARIA: a lexislación consultada para a elaboración deste informe recoñece que son o Instituto Nacional da Seguridade Social ou o Instituto Social da Mariña os organismos competentes para recoñecer o dereito á asistencia sanitaria, sendo os servizos de saúde os que acreditarán ese dereito emitindo a correspondente tarxeta sanitaria. Esta vía dá dereito á tarxeta sanitaria, á asistencia en toda Europa e á tarxeta sanitaria europea ou ao certificado provisional substitutorio.
2. Como persoa incluída nun CONVENIO ESPECIAL de prestación de asistencia sanitaria, subscrito co servizo de saúde da comunidade habitual de residencia.
3. Como persoa acollida no PROGRAMA GALEGO DE PROTECCIÓN SOCIAL DA SAUDE PÚBLICA: as persoas con documentación identificativa válida e en vigor que, a partir do 1 de setembro de 2012, non teñan ou non poidan ter dereito á asistencia sanitaria pola modalidade de asegurado ou beneficiario e non poidan exportar a asistencia sanitaria desde o seu país de orixe, poderán solicitar ser acollidas neste programa para recibir asistencia sanitaria. Esta vía outorga dereito a ser atendidos só en Galicia pero non terán recoñecido o dereito no resto do Estado.
4. Como persoas ESTRANXEIRAS NON REXISTRADAS NIN AUTORIZADAS COMO RESIDENTES EN ESPAÑA, nas situacións especiais existentes:
De URXENCIAS POR ENFERMIDADE GRAVE OU ACCIDENTE, calquera que sexa a súa causa, ata a situación de alta médica.
De ASISTENCIA A EMBARAZO, PARTO E POSPARTO.
En todo caso, as persoas ESTRANXEIRAS MENORES DE DEZAOITO ANOS recibirán asistencia sanitaria nas mesmas condicións que as persoas españolas (especificación corrixida por Médicos do Mundo, xa que, no documento consultado, urxencias, muller embarazada e menor están en igualdade mentres que, no RD 16/2012, menores aparece claramente diferenciado).
5. Como persoa autorizada para estar en España como SOLICITANTE DE PROTECCIÓN INTERNACIONAL (asilo ou refuxio) OU COMO VÍTIMA DE TRATA de seres humanos en período de restablecemento e reflexión.
6. Como persoa con sospeita de padecer unha enfermidade que leve consigo risco para a comunidade e que non teña ningunha outra vía de acceso: PROGRAMA DE VIXIANCIA EPIDEMIOLÓXICA.
7. Como PAGO DE SEGURO PRIVADO para acceso á sanidade pública

 

VULNERACIÓNS DO DEREITO Á SAÚDE EN GALICIA NO 2014

 

Durante o ano 2014, Médicos do Mundo detectou, a través da intervención con colectivos de persoas inmigrantes e como derivación doutras organizacións coas que traballamos en rede, casos de persoas desatendidas que non puderon acceder ao sistema sanitario a pesar de ter recoñecido o dereito por algunha das vías mecionadas no punto anterior. Os casos de vulneración do dereito á saúde recopilados refírense a calquera das sete modalidades de acceso á asistencia sanitaria en Galicia recoñecidas.
No informe reflectimos unicamente os de desatención de menores, muller embarazada e urxencias por supoñer estes casos a violación de todos os acordos internacionais e recomendacións da Organización Mundial da Saúde. A atención a menores, muller embarazada e de urxencia é de obrigado cumprimento para os estados que ratificaron o Pacto Internacional de Dereito Humanos. Tamén recollemos os casos de desatención das persoas que teñen o dereito á atención sanitaria
recoñecido a través do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública pola particularidade que supón en Galicia e dado que ven de presentarse como a alternativa de cobertura para as persoas que quedaron excluídas a raíz da entrada en vigor do RD Lei 16/2012. Non resultando o programa a solución á exclusión sanitaria.

 

A REDE GALEGA EN DEFENSA DO DEREITO Á SAÚDE RECLAMA A RESTITUCIÓN DO ACCESO UNIVERSAL Á SAÚDE

 

As organizacións que integramos a Rede Galega en Defensa do Dereito á Saúde, reclamamos a derogación do Real decreto Lei 16/2012 e o subseguinte Real Decreto 1192/2013 polos que se establecen as figuras de persoa asegurada e beneficiaria do Sistema Nacional de Saúde e se exclúe ás persoas inmigrantes en situación irregular.

 

Declaración do Movemento Galego de Saúde Mental co gallo do Día Mundial da Saúde Mental

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Venres, 09 Outubro 2015 10:18

Desde SOS-Sanidade Pública facémonos eco do manifesto que o Movemento Galego da Saúde Mental emitiu co gallo do Día Mundial da Saúde Mental que se celebra o vindeiro 10 de outubro:


MGSM


10 DE OUTUBRO 2015

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

O Día Mundial da Saúde Mental foi establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para chamar a atención das sociedades e os gobernos sobre a situación na que se atopan as persoas afectadas por trastornos e enfermidades mentais, para potenciar o desenvolvemento de políticas acordes coa importancia desta dimensión da saúde e para mobilizar a todos os cidadáns e cidadás contra a estigmatización e a prol da integración e o apoio a todo aquel que se atope, por esta causa, en situación de exclusión ou en risco dela.

 

Neste día o Movemento Galego da Saúde Mental diríxese á sociedade para trasladarlle a valoración da situación que neste eido estamos a vivir en Galicia.

Non é alarmismo afirmar que, comparado con como estabamos hai un ano, nada vai mellor na atención á saúde mental, na prevención dos trastornos psíquicos  ou na integración sociolaboral daquelas persoas máis gravemente afectadas. Despois de sete anos deste goberno da Xunta, a situación é moi preocupante: os indicadores de saúde evolucionan indiscutiblemente a peor (incremento da incidencia de trastornos psíquicos, grave elevación da taxa de sucidios, aumento do consumo de psicofármacos), os recursos asistenciais específicos atópanse deteriorados e seguen a sufrir recortes, continúase sen planificación e sen coñecemento de cara onde quere ir o SERGAS na atención á saúde mental, prívase ós doentes do acceso a prestacións básicas do sistema nacional de saúde -sinaladamente á psicoterapia que segue a ser un tratamento inaccesible para moitos usuari@s que a teñen indicada e que se beneficiarían dela-. Tampouco se desenrolan  programas ante patoloxías prevalentes e de alto custo humano e económico (trastorno mental grave), desconsidéranse as indicacións da OMS en prevención do suicidio, eludindo a Xunta de Galicia o compromiso mundial da súa redución nun 10% antes do 2020,  e desorganízanse os servizos para impedir a participación dos profesionais.

A crise, tan socorrida polos nosos gobernantes para agochar as súas responsabilidades, xa non é un argumento críble para xustificar o que está a pasar. Non é a crise,  é a forma de gobernar da Xunta: a xestión torpe no día a día, a incompetencia gobernante, o favoritismo na selección dos mandos intermedios, os intereses compartidos coas industrias que fan negocio coa saúde e que, a miúdo, son opostos ós da poboación, e tamén o plan de privatización progresiva da atención á saúde mental.

Esa forma de facer as cousas: incompetente, autoritaria, despectiva cos que non son da corda política-ideolóxica dos gobernantes actuais, sen proxecto de futuro nin esperanza en nada mellor, ten o seu reflexo nunha acción de goberno predominantemente propagandística (da que é un exemplo  o publicitado proxecto mastermind de tratamento da depresión por teleasistencia que cubriu, no seu día, un par de páxinas de xornal e do que non se volveu  saber), ou de franco falseamento da realidade (como se reflexou nas recentes respostas parlamentarias dadas polo grupo gobernante no Parlamento de Galicia ante o incremento de suicidios en Galicia, nas que mesmo negaron os seus datos oficiais).

 

Deterioro, incompetencia, utilización inxusta dos recursos públicos, falseamento  da realidade e abuso da propaganda. Ese é o resumo da xestión en saúde mental do goberno do Partido Popular en Galicia. Estamos moi mal na atención á saúde mental en Galicia: fai falla outra política sanitaria.


Urxe un plan guiado por obxectivos de saúde e que potencie a atención a quen se atopa en condición de maior fraxilidade. É  imperioso o establecemento de prioridades que superen a mera xestión administrativa actual dos servizos e recursos, fai falla un futuro ó que dirixirse para reducir o efecto tan daniño que ten a crise e a súa xestión gubernamental nas persoas con trastorno mental severo, hai que comprometerse cos obxectivos da OMS neste eido, debe apoiarse o movemento asociativo e facilitar a sua participación, e fan falla outros gobernantes que poidan dirixir a sanidade cara un futuro mellor.

 

O Movemento Galego da Saúde Mental contribuirá tamén á definición dese futuro aportando o seu coñecemento e esforzo ó programa de goberno que necesita este país.

En Santiago a 9 de outubro de 2015