Saúde Mental

Movemento Galego da Saúde Mental

Apoios

SOS-sanidadepublica-Cultura

Con humor

2012-05-21_VIN_2012-05-14_00_32_43_davila

Plataformas Sanidade

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte de Lemos


* Plataforma contra a privatización de Pontevedra


* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Salnés


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Lugo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Ourense


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Verín

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Cangas


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Moaña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Santiago


* Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública da Coruña

* Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo


* Plataforma en defensa da Sanidade Pública na Mariña

* Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza

* Asociación Galega para a defensa da Sanidade Pública (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública)


Procurar



Convocatorias

Presentación do informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Xoves, 17 Setembro 2015 09:05

As organizacións integrantes da Rede Galega en Defensa da Saúde: Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina Familiar, Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública, presentaremos hoxe xoves, 17 de setembro o informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia elaborado coa análise dos casos de vulneración de acceso ao sistema sanitario de persoas inmigrantes recibidos por Médicos do Mundo durante a ano 2014.

 

Trala presentación dos resultados do informe e a proxección do vídeo con testemuñas de casos de persoas desatendidas de Galicia se levará a cabo unha rolda de prensa.

 

Día: xoves, 17 de setembro de 2015 Hora: 17h Lugar: Galería Sargadelos de Santiago de Compostela 


------------------------------------------------------------------------------------------------------

PRESENTACIÓN DO INFORME TRES ANOS DE REFORMA SANITARIA EN GALICIA

Avaliación do acceso das persoas inmigrantes aos servizos de saúde en Galicia durante o 2014

 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015.-

 

As organizacións integrantes da Rede Galega en Defensa da Saúde: Amnistía Internacional, Asociación Galega de Medicina Familiar, Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública, presentan o informe Tres anos de reforma sanitaria en Galicia elaborado coa análise dos casos de vulneración de acceso ao sistema sanitario de persoas inmigrantes recibidos por Médicos do Mundo durante a ano 2014. A presentación do informe acompáñase da proxección de vídeos con casos de vulneracións do dereito á saúde de persoas inmigrantes atendidas por Médicos do Mundo.

Hoxe en día existe un consenso xeral entre gobernos, organismos internacionais e sociedade civil que recoñece a saúde como un dereito en si mesmo e como unha condición esencial para a equidade e o desenvolvemento sostible. Por outra banda, non se pode falar de saúde sen facelo do funcionamento do seu sistema sanitario, dos determinantes sociais da saúde como a pobreza, un ámbito salubre, o desigual reparto da riqueza, o poder e os recursos - incluíndo as desigualdades de xénero-, educación, emprego digno ou a protección social.
A Rede Galega en Defensa do Dereito á Saúde reivindica a saúde dende un enfoque de dereitos humanos, de xénero, de interculturalidade, de integración social solidaria e de empoderamento das comunidades.
Con este enfoque, defendemos:
 A saúde como un dereito humano fundamental.
 A responsabilidade dos gobernos de garantir o acceso á atención sanitaria de calidade, á educación e a outros servizos sociais de acordo coas necesidades da poboación, independentemente da súa situación de regularidade ou irregularidade administrativa e do seu nivel socioeconómico.
 A participación da poboación e as organizacións nas que se articula, na formulación, implementación e avaliación de todas as políticas e programas sociais e de saúde.

 A saúde como resultado final dunha serie de determinantes, entre eles o ámbito político, económico, social e físico.

Consideramos que a atención sanitaria de carácter primario debe orientar a organización dos sistemas de saúde para que os pobos alcancen o mellor nivel de saúde posible. Ademais, debe incluír a saúde sexual e reprodutiva dende o enfoque dos dereitos sexuais e reprodutivos, incluíndo tanto actividades asistenciais como educativas dirixidas á mocidade, mulleres e homes.
Así mesmo, entendemos que só os sistemas sanitarios públicos poden garantir os obxectivos compartidos de universalidade, equidade e calidade dos servizos de saúde. Reivindicamos a cobertura universal, entendida como sistemas públicos de financiamento e acceso aos servizos de calidade para todas as persoas, sen que iso supoña perigo de caer na pobreza.
Tendo todo isto en conta, queremos facer públicos algúns dos casos máis alarmantes cos que nos atopamos no territorio galego durante o ano 2014, casos que incumpren a propia reforma sanitaria.
Como organización queremos chamar a atención ante este tipo de lexislacións que facilitan condutas racistas e que provocan un gran dano social.

 

O REAL DECRETO LEI 16/2012 E A EXCLUSIÓN SANITARIA

 

O Real Decreto-lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir que o Sistema Nacional de Saúde sexa sostible e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, supuxo un cambio do modelo do Sistema de Saúde que, amparado pola crise económica, deixa a centos de miles de persoas sen asistencia sanitaria e retrotráenos a un desfasado sistema de aseguramento e copagamento pola prestación de determinados servizos.
Esta medida lexislativa, non consensuada no parlamento nin na sociedade, vulnera o dereito á saúde das persoas que quedaron excluídas do sistema.
Dado que son as Comunidades Autónomas as que teñen as competencias en materia de asistencia sanitaria, a aplicación a nivel autonómico deste Real Decreto-lei obrigou á posta en marcha de diversas medidas que intentaron paliar os problemas ocasionados pola dita norma estatal. No caso de Galicia, desde o ano 2012, púxose en marcha o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública (PGPSSP).
Este informe pretende sintetizar e ordenar as principais dificultades que detectamos á hora de analizar o dereito á saúde cos titulares de obrigas e as dificultades detectadas na atención e acompañamento dos titulares de dereitos á hora de facer efectivos estes dereitos.
Por iso, no informe descríbense:
 Vías de acceso, revisión da normativa e dificultades encontradas no seu desenvolvemento dentro do sistema sanitario.
 Principais vulneracións de persoas que sufriron algún tipo de incidencia relacionadas coa atención en urxencias, menores ou mulleres embarazadas, tanto hospitalarias como en centros de saúde e que teñen que ver coa entrada en vigor do mencionado Real Decreto-lei.
 Principais vulneracións de persoas que sufriron algún tipo de incidencia relacionada coa atención ou entrada no PGPSSP.

Así mesmo, somos conscientes que os casos dos que Médicos do Mundo ten coñecemento non son máis que unha pequena mostra de todos os que están ocorrendo cada día nas diferentes cidades e municipios de todas as Comunidades Autónomas.

 

VÍAS DE ACESO AO SISTEMA DE SAÚDE PÚBLICA EN GALICIA

 

A partir do 1 de setembro do ano 2012 a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Sanidade, recoñece 7 modalidades de acceso á asistencia sanitaria en Galicia:
1. Como persoa ASEGURADA ou BENEFICIARIA: a lexislación consultada para a elaboración deste informe recoñece que son o Instituto Nacional da Seguridade Social ou o Instituto Social da Mariña os organismos competentes para recoñecer o dereito á asistencia sanitaria, sendo os servizos de saúde os que acreditarán ese dereito emitindo a correspondente tarxeta sanitaria. Esta vía dá dereito á tarxeta sanitaria, á asistencia en toda Europa e á tarxeta sanitaria europea ou ao certificado provisional substitutorio.
2. Como persoa incluída nun CONVENIO ESPECIAL de prestación de asistencia sanitaria, subscrito co servizo de saúde da comunidade habitual de residencia.
3. Como persoa acollida no PROGRAMA GALEGO DE PROTECCIÓN SOCIAL DA SAUDE PÚBLICA: as persoas con documentación identificativa válida e en vigor que, a partir do 1 de setembro de 2012, non teñan ou non poidan ter dereito á asistencia sanitaria pola modalidade de asegurado ou beneficiario e non poidan exportar a asistencia sanitaria desde o seu país de orixe, poderán solicitar ser acollidas neste programa para recibir asistencia sanitaria. Esta vía outorga dereito a ser atendidos só en Galicia pero non terán recoñecido o dereito no resto do Estado.
4. Como persoas ESTRANXEIRAS NON REXISTRADAS NIN AUTORIZADAS COMO RESIDENTES EN ESPAÑA, nas situacións especiais existentes:
De URXENCIAS POR ENFERMIDADE GRAVE OU ACCIDENTE, calquera que sexa a súa causa, ata a situación de alta médica.
De ASISTENCIA A EMBARAZO, PARTO E POSPARTO.
En todo caso, as persoas ESTRANXEIRAS MENORES DE DEZAOITO ANOS recibirán asistencia sanitaria nas mesmas condicións que as persoas españolas (especificación corrixida por Médicos do Mundo, xa que, no documento consultado, urxencias, muller embarazada e menor están en igualdade mentres que, no RD 16/2012, menores aparece claramente diferenciado).
5. Como persoa autorizada para estar en España como SOLICITANTE DE PROTECCIÓN INTERNACIONAL (asilo ou refuxio) OU COMO VÍTIMA DE TRATA de seres humanos en período de restablecemento e reflexión.
6. Como persoa con sospeita de padecer unha enfermidade que leve consigo risco para a comunidade e que non teña ningunha outra vía de acceso: PROGRAMA DE VIXIANCIA EPIDEMIOLÓXICA.
7. Como PAGO DE SEGURO PRIVADO para acceso á sanidade pública

 

VULNERACIÓNS DO DEREITO Á SAÚDE EN GALICIA NO 2014

 

Durante o ano 2014, Médicos do Mundo detectou, a través da intervención con colectivos de persoas inmigrantes e como derivación doutras organizacións coas que traballamos en rede, casos de persoas desatendidas que non puderon acceder ao sistema sanitario a pesar de ter recoñecido o dereito por algunha das vías mecionadas no punto anterior. Os casos de vulneración do dereito á saúde recopilados refírense a calquera das sete modalidades de acceso á asistencia sanitaria en Galicia recoñecidas.
No informe reflectimos unicamente os de desatención de menores, muller embarazada e urxencias por supoñer estes casos a violación de todos os acordos internacionais e recomendacións da Organización Mundial da Saúde. A atención a menores, muller embarazada e de urxencia é de obrigado cumprimento para os estados que ratificaron o Pacto Internacional de Dereito Humanos. Tamén recollemos os casos de desatención das persoas que teñen o dereito á atención sanitaria
recoñecido a través do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública pola particularidade que supón en Galicia e dado que ven de presentarse como a alternativa de cobertura para as persoas que quedaron excluídas a raíz da entrada en vigor do RD Lei 16/2012. Non resultando o programa a solución á exclusión sanitaria.

 

A REDE GALEGA EN DEFENSA DO DEREITO Á SAÚDE RECLAMA A RESTITUCIÓN DO ACCESO UNIVERSAL Á SAÚDE

 

As organizacións que integramos a Rede Galega en Defensa do Dereito á Saúde, reclamamos a derogación do Real decreto Lei 16/2012 e o subseguinte Real Decreto 1192/2013 polos que se establecen as figuras de persoa asegurada e beneficiaria do Sistema Nacional de Saúde e se exclúe ás persoas inmigrantes en situación irregular.

 

Manifestación 1 de marzo en apoio doentes Hepatite C. Os recortes matan!!!

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Luns, 16 Febreiro 2015 14:24

mani_hepatitec_1_marzo

 

 

SOS-Sanidade Pública apoia esta mobilización por:

 

-      Polas políticas de recortes de recursos por encima dos dereitos dos enfermos

-      Pola aceptación cómplice no Ministerio de Sanidade e da Consellería  de Sanidade dun prezo abusivo do fármaco sofosbuvir fixado polo laboratorio que pon en risco a sustentabilidade do sistema galego que debera pagalo

-      Pola falta de vontade por fabricar este fármaco como xenérico no Estado (pese a que xa se está a facer en diferentes países)

-      Polo escurantismo da Consellería de Sanidade que oculta a composición da Comisión Autonómica, que regula a administración deste fármaco, que nos fai sospeitar de posibles conflitos de intereses coa industria farmacéutica

 

Acto informativo sobre o laboratorio do NHV

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Martes, 08 Xullo 2014 08:47

 

ACTO INFORMATIVO PERDA E PRIVATIZACION DO LABORATORIO DO NOVO HOSPITAL DE VIGO

 

Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública


1.- Consecuencias da falta de laboratorio no Novo Hospital de Vigo.

    • CARMEN GONZALEZ MAO, Xefa de Sección servizo de laboratorio do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo(CHUVI).
    • Angeles Fernández Fernández, Hematóloga Complexo Hospitalario Universitario de Vigo(CHUVI).
    • Genma González Mediero Adxunta Microbioloxía CHUVI.

2.- Conflitos de intereses na privatización do Laboratorio Central de Galicia.

    • LUISA LORES, Radióloga Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Publica.

3.- A privatización da Sanidade Pública.

    • MANUEL GONZALEZ MOREIRA, Xunta de Persoal área sanitaria de Vigo e Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo.

4.- Proceso de privatización dos laboratorios dos hospitais da CCAA de Madrid e consecuencias para pacientes e profesionais.

    • MARCIANO SANCHEZ BAYLE, Pediatra Hospital Niño Jesús, Integrante das Mareas Brancas de Madrid.


Mércores, 9 de xullo ás 7 da tarde

Paraninfo da Universidade de Vigo

Rúa Areal, 46



A SUPRESIÓN E EXTERNALIZACION DO LABORARIO DO NOVO HOSPITAL DE VIGO ATENTA CONTRA A SAÚDE DA POBLACION E OS DEREITOS SOCIAIS E PROFESIONAIS

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

 

A Consellería de Sanidade ten decido, sen contar coa opinión e asesoría dos profesionais, que o Novo Hospital de Vigo non teña un Laboratorio Central. O novo centro de Valadares disporá soamente dun laboratorio de 24 horas (básico e reducido) afastado varios quilómetros do laboratorio situado no Hospital de Meixoeiro. Ademais sepárase dos laboratorios de Anatomía Patolóxica e de Investigación que si estarán no Novo hospital, o que obrigará a duplicar os recursos para extracción e traslados de probas e o equipamento, xa que obriga ao hospital a dispoñer de medios para transportar as mostras entre os dous centros. Aínda que a administración alega que esta decisión reducirá custos e mellorará a eficiencia, a realidade é que todo este embrollo incrementará innecesariamente os gastos.

Resulta paradoxal que un hospital presentado pola Consellería de Sanidade como un dos máis modernos e avanzados tecnoloxicamente de Europa, non dispoña dun servizo esencial como é un laboratorio dimensionado en magnitude e prestacións.


OBXECTIVOS QUE PERSEGUE A CONSELLERÍA AO SUPRIMIR O LABORATORIO DO NHV

Os laboratorios clínicos son servizos xeradores de produtos intermedios que teñen unha gran implicación nas decisións clínicas, aínda que a facilidade de mecanizar a súa actividade fainos moi apetecibles para o sector privado.

Entre os argumentos esgrimidos pola Consellería de Sanidade para xustificar esta decisión poderiamos destacar que a externalización reduce custos, permite o acceso a tecnoloxía de última xeración, mellora a calidade, incrementa a satisfacción ou simplifica a xestión. Realmente a Consellería de Sanidade, con esta ocorrencia, persegue dous obxectivos:


1.- Reducir custos ás empresas Concesionarias.

O modelo de financiamento e xestión privada do Novo Hospital a través dunha Unión Temporal de Empresas afines ao Partido Popular, constituíu un enorme fracaso dado que, ademais de multiplicar os custos, a creba de Bankia (dirixida por Rodrigo Rato), da Caixa de Aforros do Meditarráneo (en mans do ínclito Francisco Camps) e da construtora OCASA adxudicatarias da obra, paralizou durante anos o proxecto de construción e obrigou á Xunta a introducir recortes nos custos de construción para beneficiar ás empresas concesionarias (CONCESSIA) recortando de xeito brutal o proxecto arquitectónico, o equipamento e o plan funcional, que inclúe a supresión do Servizo de Laboratorio.

2.- Iniciar o proceso de privatización dos servizos de laboratorio dos hospitais públicos galegos:

Seguindo o exemplo da CCAA de Madrid a Consellería de Sanidade externalizou (privatizou) en marzo do 2014 o laboratorio Central de Galicia asignándoo ao laboratorio CERBA Internacional cuxo presidente é o propietario dos laboratorios Unilab do Fondo de Investimento multinacional CVC-Capio asociada á aseguradora privada norteamericana Centene (propietarios tamén do Laboratorio Central de Madrid, o que supón que unha parte importante dos laboratorios públicos do SNS pasarán a fondos de capital risco internacional). Este laboratorio privado ten asignada a realización de máis de 600 probas, que na súa inmensa maioría realizaban ata agora os laboratorios dos hospitais públicos, que como consecuencia van ser pechados progresivamente (como nos hospitais de Madrid) para trasladar a súa actividade ao macro laboratorio privado. Os hospitais públicos galegos quedaranse con microlaboratorios para atender as urxencias máis básicas.


CONSECUECIAS DESTA MEDIDA

As probas de laboratorio esixen unha interacción continua e activa cos servizos clínicos para garantir unha boa atención aos pacientes. Separar fisicamente o laboratorio do resto do Hospital ameaza a calidade e seguridade dos enfermos hospitalizados, que en moitos casos precisan de decisións clínicas rápidas adoptadas en equipo por clínicos e analistas, sen estar sometidas aos riscos do trafico, ao estado das carretas ou a dispoñibilidade de medios de transporte. Esta distancia aumentará os custos da atención e favorecerá erros e atrasos na entrega de resultados, que poden poñer en risco a atención ou a vida dos pacientes. A fragmentación dos recursos impedirá, entre outras, a implantación das consultas de alta resolución, a continuidade dos transplantes de medula (os únicos que se fan ata agora en Vigo) e as actividades de investigación (xa recortadas ao suprimir os Módulos de Investigación e Docencia contemplados no proxecto inicial do Hospital).

Desde que en 2009 a Consellería de Sanidade de Madrid presidida por Juan José Güemes (que logo do seu cese pasou a traballar para o laboratorio Unilab) deixou en mans privadas as análises clínicas dos seis novos hospitais, sucedéronse graves incidencias (denunciadas por responsables e profesionais dos servizos) por atrasos na entrega de resultados, confusión e erros nas probas que non se correspondían coas que solicitaran os especialistas, ou que moitas análises tivesen que repetirse porque, logo de meses de espera, as probas xa non eran útiles (poñendo en risco a vida dos pacientes).

Este macro laboratorio privado marxinará aos profesionais dos laboratorios públicos (empezando polo CHUVI) ao apropiarse da parte máis innovadora dos mesmos, cuxa actividade quedará limitada á realización de probas rutineiras, marxinados das innovacións tecnolóxicas e condenados á obsolescencia. Isto suporá un novo paso na descapitalización, desmantelamento e privatización do sistema sanitario público galego. O peche dos laboratorios públicos ira acompañado do despedimento de parte dos seus traballadores, algúns poucos poderán quedarse no novo laboratorio e o resto serán recolocados en calquera dos centros do SERGAS. Todo isto explica o rexeitamento da medida polos traballadores, xefes de servizo dos laboratorios dos hospitais públicos de Galicia e da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC), que difundiu un comunicado cuestionando a decisión por razóns asistenciais porque, entre outras cousas, afasta o laboratorio de Microbioloxía do Hospital de referencia e a loxística para a recolleita e traslado das mostras micro biolóxicas afectará á calidade adecuada e ao mantemento da integridade e viabilidade das mesmas.


CONCLUSIÓNS:

A existencia dun laboratorio no Novo Hospital de Vigo constitúe un alicerce esencial do mesmo. O seu afastamento dos servizos clínicos, o seu fraccionamento e a prevista externalización dunha parte das probas ao laboratorio central privado, afectará á calidade e seguridade da atención dos pacientes, á eficiencia no uso dos recursos, aos dereitos dos profesionais e ao carácter estratéxico do centro.

A prevista extensión desta estratexia ao resto de hospitais públicos, coa externalización e concesión da realización das probas máis avanzadas a unha empresa privada (Unilab) xerará unha situación de monopolio privado que permitirá a esta impoñer condicións e prezos ao SERGAS contravindo as teóricas vantaxes do mercado e poñendo en risco a confidencialidade dos procesos asistenciais.

Por todo iso facemos un chamamento a cidadáns e profesionais de todos os hospitais, centros de Atención Primaria e áreas sanitarias de Galicia a mostrar o seu rexeitamento a esta medida que atenta contra a saúde e os dereitos sociais e profesionais.

 

SOS-Sanidade Pública apoia as mobilizacións en defensa da Sanidade Pública convocadas para mañá mércores

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Martes, 25 Marzo 2014 10:45

folleto_poboacin_XERAL_WEB_mobilizacins


A Plataforma SOS Sanidade Pública quere mostrar o seu apoio ás mobilizacións convocadas polos sindicatos sanitarios CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSI-F, SAE e UGT en todas as áreas sanitarias de Galicia en contra dos recortes en prestacións, servizos, persoal, privatizacións e copagos, a ausencia de negociación cos sectores afectados e ou deterioro na sanidade pública 


Consideramos moi positiva a unidade das organizacións sindicais sanitarias en Defensa da Sanidade Pública , por encima das súas lexítimas diferenzas, que mostra o illamento da Conselleria de Sanidade e da Xunta de Galicia e das súas políticas de desmantelamento e privatización da sanidade pública galega. 


Animamos a toda a cidadanía a sumarse a esta mobilización o próximo dia 26 de marzo 


Por unha Sanidade Pública Universal e Gratuíta.


A Sanidade Pública non está en venda! Deféndea!


Mobilizacións convocadas:


A CORUÑA: Manifestación, 20 h, saída Casa do Mar


CEE: Concentración, 12 h, porta principal Hospital Virxe da Xunqueira


FERROL: Manifestación, 18 h, saída Fontenla Maristany


SANTIAGO: Manifestación, 20 h, saída Praza Roxa


RIBEIRA: Manifestación, 20 h, Centro de Saúde


VILAGARCÍA: Concentración, 14 h, porta principal Hospital do Salnés


PONTEVEDRA: Manifestación, 20 h, saída Hospital Provincial


VIGO: Manifestación, 20 h, saída Hospital Xeral


OURENSE: Manifestación, 20 h, saída Pavillón dos Remedios


O BARCO: Manifestación, 20 h, saída Hospital Comarcal Valdeorras


MONFORTE: Concentración, 20 h, Praza de España


LUGO: Manifestación, 20 h, saída Edificio Multiusos da Xunta


BURELA: Manifestación, 20:30 h, saída Hospital da Costa

 

   

SOS-Sanidade Pública anímavos a participar nas mobilizacións do día 27 da Alianza Social Galega

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Mércores, 26 Febreiro 2014 13:21

 

AS POLÍTICAS GUBERNAMENTAIS ESTÁN DEIXANDO SEN DEREITOS A MILLÓNS DE PERSOAS QUE NECESITAN SERVIZOS PÚBLICOS

 

Sanidade:

 

O Goberno eliminou o dereito á atención sanitaria universal pública, gratuíta no momento de recibir a asistencia e de calidade, ao desmantelar e privatizar o Sistema Público de Saúde Galego e introducir o copago polos servizos.

 

Pensións:

 

Recorte dun 14,8% a 28,3% das pensións nos próximos quince anos, mentres se desgravan plans de pensións privados.

 

Lei de Dependencia:

 

O Goberno paralizou a Lei de Dependencia, reducindo o seu orzamento nun 36,4% en 2014, o que deixa sen atención a unhas 17.000 persoas en Galicia que tiñan recoñecida a prestación, non se aceptan novas solicitudes das 7.500 pendentes de valoración, e paralízase a incorporación de novos servizos asistenciais.

 

Recortes de programas para persoas con minusvalías e discapacidades:

 

Recórtanse un 15,8% en 2013 os programas de asistencia a persoas con discapacidade física, orgánica, intelectual, enfermidades raras, parapléxicos, enfermos mentais ou con Síndrome de Down. Pechouse o 065 e retírase a subvención ao transporte público de desprazamentos para rehabilitación. Esta medida afecta a unhas 18.000 persoas en Galicia, onde terá unha especial repercusión dada a disposición xeográfica no entorno rural e ao envellecemento, moitas destas persoas carecen dos servizos mínimos necesarios, vehículos ou apoios básicos.

 

Cambios na lexislación que prohibe aos concellos prestar servizos sociais:

 

O proxecto de lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración local obrigará aos concellos a deixar de prestar servizos sociais e a trasladar esta responsabilidade ás autonomías. Isto afectará a axudas a domicilio, residencias de maiores, apoio á familia, reinserción social, comedores sociais, servizos de atención á muller, albergues de inmigrantes, que atenden a 2,6 millóns de persoas no Estado, unhas 190.000 en Galicia. Trasladar o financiamento destas competencias ás CCAA suporá a creba da maioría e obrigaraas á privatizar e/ou pechar estes servizos, o que enviará ao paro a outros 70.800 empregados municipais.

 

Eliminación do dereito a decidir das mulleres sobre a Interrupción do embarazo:

 

A Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e dos Dereitos da Muller Embarazada supón a anulación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, suprimindo por lei o dereito a decidir libremente sobre o momento de ser nai. Preténdese impedir a interrupción do embarazo, aínda que o feto teña malformacións graves .

 

Estafa legal ás persoas que contrataron preferentes e subordinadas:

 

Enganaron a miles de galegas e galegos que agora non poden retirar os seus aforros xa que ningunha destas participacións está garantida polo Fondo de Garantía de Depósitos (para retirar o diñeiro hai que vender estas participacións a outro cliente de Caixanova e Caixagalicia, algo imposible debido a crise). Aínda que o Banco de España teña rescatado con diñeiro público a estas caixas (o 90% do total), estas non devolven o diñeiro aos seus clientes.

 

Recortes nas axudas a emigrantes e retornados:

 

O Ministerio de Facenda esixe unha media de 10.000 euros aos emigrantes retornados a España por non declarar as súas pensións no estranxeiro, algo descoñecido polos afectados que non foron advertidos por Facenda da necesidade de declaralas, ata a moitos se lles dixo que non era algo obrigatorio. Tamén se recortaron un 16% os programas de axuda a residentes no exterior e emigrantes retornados.

 

Recortes en educación:

 

O recorte educativo alcanza os 7.300 millóns de euros en 2014, o que supón unha caída do 16,7% no gasto educativo durante a crise. En Galicia, no ano 2013, os recortes en educación foron de 149 millóns de euros e despedíronse 1.225 profesoras e profesores. Os recortes afectan ao ensino Universitario, Ensino Superior Obrigatorio, Formación Profesional e Educación Infantil e Primaria. Suprimíronse becas e axudas ao estudo, comedores escolares, compra de libros. As matriculas universitarias subiron un 20%, o que impide a moitos mozos e mozas con familias afectadas pola crise poder acceder a estudos superiores.

 

Abandono da Mocidade sen educación, traballo ou sanidade:

 

Ademais do anterior o paro xuvenil afecta ao 57%, os contratos para novos son cada vez máis precarios con soldos inferiores nun 42 % á media, o 47,3 % das mozas e mozos entre 16 e 29 anos ten contrato temporal e o 39,1 % desempeña un traballo inferior o seu nivel de cualificación. Retirouse o dereito á asistencia sanitaria aos maiores de 26 anos que estean en paro e quen emigre por un período superior a tres meses perderá tamén o dereito,  se ao volver non atopa un traballo.

 

Resumo

 

O Goberno recortou no 2014 nun 10% o gasto social do Estado, o que suporá menos recursos para sanidade, educación, dependencia, pensións, cobertura do paro, mulleres, mozas e mozos, emigrantes, etc.

 

Esta política esta destinada a pagar a débeda dos bancos deixando sen dereitos á maioría social especialmente aos máis necesitados de axuda e con menos recursos económicos.

 

Unicamente unha gran alianza que mobilice a todas e a todos os afectados, que somos a maioría da poboación, en contra desta política antisocial e antihumana, pode salvar os servizos sociais básicos que se nos quere arrebatar.

 

Todos ás manifestacions do día 27 de febreiro convocadas pola Alianza Social Galega:

MANIFESTACIÓNS 27 DE FEBREIRO
COMARCA HORA LUGAR DE SAÍDA
Ourense 19:30 
Pabellón dos Remedios
Pontevedra 20:00
Praza Ferrería
Santiago 20:00 Alameda
Ferrol 20:00 Praza España
Coruña 20:00 Casa do Mar
Lugo 20:00 Ronda da Muralla
Vigo 19:30 Vía Norte
Arousa 20:00 Avda. Mariña
Burela 19:30 Praza do Concello
Ribeira 20:00 Estación autobuses



CONCENTRACIÓNS 27 DE FEBREIRO
Monforte 19:30 Praza España
Vilalba 21:30 Casa da Cultura
Cangas 20:00 Casa do Concello

 

Mobilizacións Barbanza

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Martes, 25 Febreiro 2014 10:32

 

Concentración Ourense xoves día 13

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

Mércores, 12 Febreiro 2014 11:34

concentracin_ourense