Escrito dirixido a Núñez Feijoo, entregado no Parlamento de Galiza

Xoves, 26 Abril 2012 08:47

Imprimir


No día de onte, 25 de abril, unha delegación da Plataforma SOS-Sanidade Pública rexistrou este escrito no Parlamento Galego dirixido ao Presidente da Xunta de Galiza, no que nos opoñemos rotundamente aos recortes impostos desde Madrid e pedímoslle a Alberto Núñez Feijoo que faga valer as competencias que ten a Xunta en materia de sanidade:



D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJOO, SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA

O acordo do Consello Interterritorial de Saúde do día 18 de abril de 2012 referendado posteriormente no Consello de Ministros do venres 20 de abril produce o retroceso máis importante do sistema sanitario español desde a promulgación da Lei Xeral de Sanidade.

Os argumentos desta política regresiva expostos na nota de prensa do propio Ministerio de Sanidade non teñen fundamento empírico nin racional. É unha liña de comunicación constante do Partido Popular, do goberno galego e do goberno central o argumento de que non hai outra alternativa, e de  que con estes recortes garántese ‘o futuro’, pero o certo é que son políticas fracasadas que se reiteran unha e outra vez obtendo os mesmos resultados tal como se pode ver en Galiza, España e outros estados como Grecia ou Portugal ou Irlanda. Si temos a garantía de ir de recorte en recorte ata o seguinte tiro dos mercados.

O novo copago farmacéutico introducido polo PP e o Goberno, facendo pagar aos pensionistas e incrementando o pago aos/ás traballadores/as activos/as, é unha decisión política especialmente regresiva para a poboación galega. O goberno da Xunta de Galicia e especialmente o seu Presidente deberían opoñerse con rotundidade.

Entrega_escrito_Parlamento_no_rexistro_2012-04-25

A Plataforma galega pola defensa da sanidade pública “SOS sanidade Pública” considera que:

  1. O sistema sanitario público é de gran calidade, eficaz e eficiente.  É perfectamente sostible e non está en situación de quebra. O gasto sanitario público español en relación co PIB está por debaixo dos estados do noso entorno, polo que dificilmente se pode responsabilizar á sanidade da débeda pública. Por outra banda o déficit do sistema débese ao baixo financiamento co que se está presupostando e a políticas de privatización como as de financiamento público-privado que supoñen un negocio privado e unha redución de orzamento público sanitario dispoñible.
  2. O novo copago a pensionistas xunto co incremento do pago aos traballadores activos é un imposto á enfermidade e unha ameaza para accesibilidade aos servizos que pode producir empeoramento da saúde a persoas de renda baixa. O copago a pensionistas é unha rebaixa das pensións xa que este grupo de poboación é o máximo receptor de medicamentos e a pensión media galega é a máis baixa de todo o estado español. Váiselle cobrar un mínimo de 8 euros cada mes en Galiza (últimos datos do Ministerio, a 1 de febreiro de 2009) a 686.705 persoas con incapacidade permanente, pensión de xubilación e de viuvez. Somos os máis prexudicados.
  3. As competencias en sanidade son das Comunidades Autónomas polo que supón unha invasión de competencias por parte do goberno central que o goberno galego non debería admitir.
  4. Falta por ver a repercusión económica real destas medidas xa que a súa implementación obriga a uns custes de organización e estruturais importantes. E descoñecemos neste momento o alcance da reforma e introdución de copago xa anunciado polas prestacións complementarias (dietoterapia, osixenoterapia, ortopróteses e transporte programado) así como polas accesorias.
  5. A única forma de facer realmente progresiva a achega da cidadanía ao sostemento do sistema sanitario é adaptando os ingresos por impostos ás necesidades financeiras do sistema e facendo que pague máis quen máis teña, se reduza o fraude fiscal e non se apliquen medidas de amnistía fiscal como as deste goberno. O resto é un imposto á enfermidade e un premio aos defraudadores.

Por estes motivos pedimos a D. Alberto Núñez Feijoo que actúe coa responsabilidade que se espera de quen é Presidente dos galegos e galegas e non aplique estes recortes en Galiza, facendo valer as competencias que en sanidade tén a Xunta de Galiza.

Reciba un saúdo

Santiago, a 25 de abril de 2012