Novas
rsz logososcompos

«O deterioro que vemos na sanidade real é preocupante»

 

SOS Sanidade Pública de Santiago convoca mañá o plenario das entidades que integra, é ás 20.00 organiza un acto público no centro sociocultural do Castiñeiriño: «nesta actividade colabora con nós a asociación veciñal que preside Lois Calvelo, e estarei acompañado da sindicalista María Xosé Abuín, e de Manuel Martín, que coordina SOS Sanidade Pública Galicia. Falaremos da situación da sanidade pública real, que é moi diferente á imaxe que tenta dar o Sergas», afirma Xosé María Dios Diz, médico de atención primaria na área sanitaria e portavoz do colectivo.

-¿Como é esa situación, pois?

-O deterioro que vemos na sanidade real é preocupante; unha preocupación que vemos tamén nas persoas que asisten aos actos que promovemos, que teñen boa resposta da cidadanía. Defendemos unha sanidade pública gratuíta e de calidade; que responda ás necesidades da cidadanía sen ter que desviar ningunha persoa a centros privados; e que non se desmantele.

-¿Hai receptividade ás demandas que realizan?

-Hai unha moi interesante receptividade por parte do Valedor do Pobo. A semana pasada respondeu que xa requiriu de novo á Consellería de Sanidade sobre as queixas que lle presentamos o 26 de maio.

-¿Por que se queixaron?

-Porque non está constituído o Consello de Saúde da Área Sanitaria, contemplado na Lei de Saúde de Galicia, para favorecer a participación da cidadanía na sanidade pública. E para que non se restrinxan as tiras reactivas, e contra a baixa calidade das agullas para persoas diabéticas, que empecen o cumprimento do tratamento. Sabemos que a conselleira contactou coa Asociación Galega de Endocrinoloxía sobre estes asuntos de persoas diabéticas e queremos que se atendan as xustas aspiracións dese colectivo de doentes para teren mellor calidade de vida.

-¿Teñen outras preocupacións?

-En SOS Sanidade Pública Compostela hai 36 entidades, entre asociacións veciñais, de usuarios, colectivos de doentes, sindicatos, ou partidos políticos; e hai preocupación polo peche de camas no verán, ou polas listas de espera. Fixemos un modelo de instancia para esixir resposta da Xerencia da Área Sanitaria ás demoras na asistencia, que xa as presentaron varias persoas.

-¿Teñen contacto co goberno do Concello?

-Si, estamos pendentes dunha reunión, e queremos activar do novo o Consello Municipal de Saúde, que era moi interesante.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia